O cuarteto nace en 1923, formado por Xosé Temprano e Alejandro Temprano (gaiteiros), xunto con Xosé Castelo "O Betanceiro" (tamboril) e Mourenza (bombo). A denominación dos Tempranos procede do apelido dos gaiteiros, formato moi utilizado nestes grupos ao longo do século, como Os Garceiras, Os Neiras ou Os irmáns Portela.

Naquela época resaltaban os gaiteiros solistas acompañados de tamboril, coma o tío Farruco de Montrove (de Oleiros) e Silveira (tamboril), que eran os que facían as festas da comarca das Mariñas. Tamén na Coruña estaba Enrique Ambite, gaiteiro de San Pedro de Visma, e Emilio Corral. Tamén estaban Os Gaiteiros de Soutelo e Os Celiñas de Lugo.

Destaca a utilización de instrumentos percutivos con tensores de corda (tamboril e bombo) neste cuarteto, pois nesa época e durante o tempo que tocou o cuarteto xa se viñan empregando caixa e bombo de latón ou bronce por outros grupos que coexistiran no mesmo tempo, como por exemplo, Os trintas de Trives. Outro detalle da súa liña enxebre era a utilización do [traxe galego]] acompañado por unha monteira baixa cun pequeno corno que era típica da comarca e que aparece moi similar noutras zonas da Costa da Morte (Gaiteiros de Neaño ou Os Maravillas de Corme) ou en Betanzos polo "Cafú", gaiteiro solista que adoitaba tocar para as danzas gremiais da vila dende finais do século XIX.

A fundación deste cuarteto non foi casual, pois o pai destes dous gaiteiros, de profesión linterneiro, xa fora músico, tocando o acordeón diatónico ou de botóns. Morreu novo, polo que o fillo maior, Xosé, cando aínda era moi novo, tivo que entrar a traballar na fábrica de tabacos da Coruña á que estaría ligado toda a vida ata xubilarse. Dende pequeno xa tocaba a ocarina, e ao entrar na fábrica fixo unha frauta no taller da mesma e logo mercou unha traveseira de ébano con chaves, de segunda man por 7 pesetas (conservada aínda polo seu fillo Pepe, tamén gaiteiro). Posteriormente mercou a súa primeira gaita ao "Tintorero", un artesán da rúa do Orzán da Coruña. Foi entón cando se formou o cuarteto, ás veces convertido en quinteto grazas á pandeireta de Xoán Lesta.

No ano 1934 Alejandro marcha a facer o servizo militar á mariña, embarcando no buque Juan Sebastián Elcano xunto coa súa gaita, coa que daría a volta ao mundo.

No seu lugar entra no cuarteto, Farruco Paradela, afamado gaiteiro da rúa Falperra, que combina o toque pechado co aberto, técnicas que utilizaba no cuarteto e que sobresaía pola súa mestría. Segundo se conta coincidiron nunhas alboradas en Betanzos cos Gaiteiros de Soutelo, que dixeron del que "era o gaiteiro con máis enxebreza que coñeceran"[Cómpre referencia].

Juan "o Pachero" de Eirís comeza a tocar o bombo, e Alejandro, ao regresar da mili, fai parella de gaita con Paradela, pasando Xosé a tocar o tamboril ininterrompidamente ata finais dos anos 70, cando o cuarteto deixou de tocar.

Con esta formación en 1956 chegaron a estar no MeCaribe tres meses e medio coa intención de actuar en Santo Domingo e México, pero por cuestións políticas tiveron que quedar actuando en Cuba.

Alejandro xa deixara de tocar definitivamente nos anos 50 para adicarse á súa carreira política, que desembocaría no cargo de tenente alcalde do concello da Coruña. En substitución deste entra Fernando Álvarez Pardo, traballador tamén da Fábrica de Tabacos como Xosé. Nesta empresa chegaron a formar unha coral e un grupo de baile (1958). Pero os Tempranos de Eirís xa viñan colaborando co grupo da Sección Femenina dende os anos 40. Moito despois tocarían tamén acompañando aos grupos de baile Eidos, Aturuxo, á coral Follas Novas e ao Ballet Galego Rey de Viana, pero xa coa última formación do grupo, Fernando Álvarez, Temprano Castro, Temprano Mariñas e Jaime Rey. Nesta última etapa do cuarteto na que entra o fillo do fundador, Pepito Temprano, é cando o grupo desenvolve unha grande actividade percorrendo a Península Ibérica, Holanda, Francia, Inglaterra, Bélxica.

Na fábrica de Tabacos coincidiron co Maestro Anta Seoane, e Fernando Álvarez e Pepe Temprano aproveitaron moito os seus coñecementos, xa que este músico xa era membro numerario da Real Academia de Bellas Artes da Coruña.

Para rematar é importante mencionar que tanto Xosé como Alejandro foron presidentes de Cantigas da Terra despois de colaborar coa práctica totalidade de agrupacións de baile e coros existentes na Coruña.

Alejandro publicou en 1982 o libro autobiográfico Un gaiteiro en la vuelta al mundo, que abarca a súa viaxe no buque escola Juan Sebastián Elcano en 1935, así como o seu paso pola política.

O grupo tamén aparece nos traballos de investigación do etnógrafo Alan Lomax, tocando nunha actuación en Palma de Mallorca en 1952.

A pervivencia musical e histórica dos Tempranos de Eirís continúa na figura de Pepe Temprano, que segue en activo como gaiteiro na agrupación Eidos da Coruña e atesoura unha das colección tanto discográficas como de instrumentos musicais máis extensa de Galicia.